Noticias

Antonio Chaves, man de confianza de Mouriño, marcha do Celta despois de quince anos

O Celta acaba de anunciar a marcha de Antonio Chaves, director xeral do club. O avogado, man dereita de Carlos Mouriño durante boa parte da súa presidencia, abandona por sorpresa a entidade viguesa tras quince anos vinculado a ela. Durante todo este tempo foi o executivo que máis poder acumulou no seo do club.

A noticia surgiu pouco antes das nove da noite deste martes, menos de 48 horas despois de que o equipo lograse outra permanencia axónica na última xornada. As súas palabras de despedida foron en galego e nun emotivo vídeo publicado polo club na súa redes sociais: «Despois de 15 anos de loita, identidade e afouteza, chegou o momento de estar coa familia. Grazas por todo e por tanto. Sentinme sempre moi apoiado. Onde estea, sempre agradecido e sempre Celta».

𝐀𝐧𝐭𝐨𝐧𝐢𝐨 𝐂𝐡𝐚𝐯𝐞𝐬 deixa o #RCCelta por decisión propia e cheo de gratitude:

“Vaia onde vaia, sempre agradecido, 𝗦𝗘𝗠𝗣𝗥𝗘 𝗖𝗘𝗟𝗧𝗔”.#GrazasEternasAntonio 💙 pic.twitter.com/eMV1df3vzY

— RC Celta (@RCCelta) 6 de xuño de 2023

Antonio Chaves (O Grove, 1978), chegou ó Celta nun dos momentos máis complicados na historia do club. O letrado, con apenas 30 anos, asumiu a dirección xeral do club en 2008 e liderou a xestión do proceso concursal, que el mesmo abriu. Porén, a súa vinculación á entidade celeste vén de máis atrás. Desde Garrigues, o bufete de avogados do que era socio, xa traballara como encargado dos servizos xurídicos.

De corazón celtista e sempre da man do presidente, durante moito tempo pensouse que el podería alcanzar o máximo cargo o día que Carlos Mouriño decidise dar un paso ó un lado, unha opción que el mesmo nunca contemplou. Desde unha posición afastada dos focos, a súa implicación na dirección do Celta foi absoluta. Sumando tanto acertos como erros no ámbito deportivo, durante a súa xestión producíronse grandes fitos que quedarán para sempre nas páxinas da historia celeste. Desde a reconversión da filosofía do club e a aposta pola canteira ó ascenso de 2012 e, por suposto, as dúas semifinais de Copa del Rey e a semifinal de Europa League. A súa marcha, a poucas semanas de que o club cumpra cen anos, pon fin a unha era.

A súa saída deixa un asento baleiro na cúpula do club e un novo quebracabezas a Carlos Mouriño de cara a este verán no que, polo de pronto, terá que afrontar a contratación dun novo adestrador ante a inminente saída de Carlos Carvalhal e a reconstrución dunha plantilla que aspire a algo máis que a unha permanencia sobre a bocina.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba