Noticias

Celta B 3 – Eldense 2 | Un hat-trick de Lautaro dálle vantaxe ao filial para a volta

O Celta B impúxose esta tarde ao Eldense no partido de ida da eliminatoria grazas a un hat-trick de Lautaro, que superou os dous tantos visitantes. Empezaron adiantándose os azulgrana, pero o filial reaccionou cun dobrete do uruguaio de Portonovo. Na segunda metade igualou a contenda o equipo alicantino, pero novamente Lautaro puxo en vantaxe aos célticos, que terán que defender a renda dentro de sete días en Elda.

Claudio Giráldez apostou de inicio por un equipo moi recoñecible, con Ruly en portería, defensa para Carrique, Javi Domínguez, Sergio Barcia e Medrano. Damián e Hugo Sotelo na sala de máquinas, con Hugo Álvarez, Raúl Blanco e Iker Losada na liña de mediapuntas, e como referencia ofensiva Lautaro.

Deu primeiro o Eldense, que na primeira chegada se adiantou por medio de Manu Nieto aos 23 minutos de xogo. Lonxe de virse abaixo co tanto visitante, o Celta B reaccionou á perfección. Lautaro avisou cun potente chut, e uns minutos despois, no 33, logrou o empate tras un gran pase de Iker Losada que resolveu de marabilla o atacante celeste.

Dous minutos despois do empate, unha excelente xogada do Celta, con pase de tacón de Raúl Blanco, aproveitouna Medrano, incorporándose pola banda esquerda, para pór un gran centro que Lautaro enviou ao fondo das malhas.

A segunda parte comezou cun formato similar ao da primeira, xa que aos 10 minutos o Eldense volveu a marcar na súa segunda chegada, neste caso por medio de Soberón, pero unha vez máis o filial céltico foi capaz de sobrepoñerse e con unha xogada calcada ao 2-1 puxo novamente a vantaxe no marcador. Nesta ocasión Medrano recolleu un pase ao espazo de Hugo Álvarez para pór exactamente o mesmo pase a Lautaro, que tampouco perdoou.

Tras o gol baixou o ritmo do encontro. O Celta B sentíase cómodo co resultado, e buscaba ampliar a vantaxe nalgunha contra. Ocasións tivo, aínda que non puido concretar. Tamén o Eldense dispuxo de algunha chegada con certo perigo, aínda que ningún dos dous equipos foi capaz de mover o marcador polo que o equipo de Giráldez viaxará a Elda para defender o gol de vantaxe conseguido esta tarde.</p

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba