O Celta podería recibir uns 30 millóns en concepto de seguro de descenso.

O Celta loitará este domingo por manter a categoría. O reto non será nada sinxelo para un equipo en clara decadencia e obrigado a derrotar o campión para asegurarse a continuidade en Primeira División sen depender doutros resultados.
Se o Celta falla ante o Barcelona e os resultados dos rivais non acompañan, o Celta acabará co seus ósos en Segunda División, once anos despois do seu último ascenso, e dezaseis despois do último descenso.
A principal diferenza co fatal final que sufriu o Celta en 2007, é que nesta ocasión o Celta terá un salvavidas en forma de seguro de descenso, que segundo informa este xoves La Voz de Galicia, podería ser de 30 millóns no caso do club celeste, segundo cálculos estimativos.
Segundo estas informacións, que citan o libro 8 do regulamento xeral da LaLiga Profesional de Fútbol, o mecanismo ten en conta tres factores:
- Un 20% da factura media por retransmisions dos últimos cinco anos
- un 5% dos seus ingresos totais nos últimos cinco exercicios
- Un 0,035% dos ingresos netos de televisión por cada tempada ata un máximo de 25 anos.
Un exemplo ao que pode agarrarse o Celta é o do Espanyol, que cando descendeu no ano 2020 percibiu 30,5 millóns de euros por este concepto. En todo caso, o límite salarial baixaría de forma moi drástica, así que esta cantidade non tería un efecto inmediato sobre a plantilla, pero axudaría á economía do club e a poder permitirse o mellor equipo posible para afrontar o reto do ascenso de categoría, aínda que o ideal sería non necesitalo.